Fuxindo dos rigores do norte de Europa

Xaneiro

O frío e os días pequenos non son motivo para que a natureza colla un descanso. Conforme as temperaturas baixan no centro e no norte de Europa e os temporais no Atlántico son máis duros, moitas aves chegan a Galicia ofrecéndonos a posibilidade de realizar proveitosos avistamentos. 

É doado pensar que o frío fai que as aves se manteñan a cuberto e non se deixen ver

 Pero nesta época do ano os espazos naturais de Galicia reciben a visita de diversas especies que viaxan para se afastar dos duros climas do norte de Europa. Procedentes de latitudes árticas, dúas gaivotas moi escasas polo xeral na península Ibérica son un bo exemplo deste fenómeno: a gaivota polar e a hiperbórea. A primeira nidifica fundamentalmente en Groenlandia e a segunda é circumpolar. A Costa da Morte, a Ría de Ortigueira e a Mariña de Lugo son bos lugares para atopalas, aínda que calquera concentración de gaivotas en calquera punto do litoral pode conter pequenas sorpresas como estas. Tamén podemos ver especies como a gaivota arxéntea, similar á nosa común patiamarela pero de patas rosadas. 

Garza real (Ardea cinerea)
Pimpín do norte (Fringilla montifringilla)
Gaivota hiperbórea (Larus hyperboreus)
Se o frío aperta en Europa, é o momento ideal para acudir ás grandes zonas húmidas da costa

A Guarda, a Ría de Vigo, O Grove, a Ría de Ortigueira, as zonas húmidas da Costa da Morte como a ría de Ponteceso ou a pequena de Lires, a ría do Burgo, a lagoa de Valdoviño en Ferrolterra, a Ría de Ortigueira e as de Ribadeo e Foz, xa en Lugo, hannos permitir enriquecer as nosas listas de avistamentos cun bo número de especies novas. Ás xa mencionadas gaivotas hai que sumarlles corvos mariños, anátidos, garzas reais e garzotas pequenas, limícolas e pequenos paxaros invernantes como as picas dos prados.

Continúa sendo un mes excepcional para nos fixar nas praias e nas grandes masas de augas tranquilas

Continúa sendo un mes excepcional para nos fixar nas praias e nas grandes masas de augas tranquilas na procura de mergullón de pescozo negros, mergos cristados, mobellas grandes ou araos. O tramo medio da Ría de Ribadeo é ideal, así como o tramo entre San Cibrao e O Portiño de Morás, na Mariña de Lugo, a Ría de Ortigueira, a do Burgo, a praia de Baldaio, a contorna litoral de Carnota e Louro, a praia de Corrubedo, a da Lanzada, xa no Grove, ou a Ría de Vigo.

Nas chairas interiores

Nas chairas interiores como as da Limia, as das comarcas de Lugo e Sarria ou nas áreas da Terra Chá podemos observar outras especies como as avefrías, as píldoras douradas, os tordos rubios e reais ou, cunha miguiña de sorte, os pimpíns do norte, presentes só no inverno e realmente escasos.

Zonas de montaña

Malia seren paisaxisticamente impresionantes, quizais as zonas de montaña non sexan o mellor destino nesta época do ano. Así e todo, se nos achegamos por exemplo ao Macizo Central, Pena Trevinca e Serra do Eixe ou Serra do Xurés, habemos ter a ocasión de observar a aguia real que, durante o inverno, realiza os seus vistosos voos nupciais.

Non podes perder

Xan
  • O litoral no seu conxunto, para ver aves mariñas que chegan a Galicia desde o duro inverno do norte de Europa.
  • Os mellores lugares son O Grove, a Ría de Ortigueira, A Guarda, as rías de Ribadeo e Foz e a Costa da Morte. Non só imos buscar aves acuáticas nas súas marismas, senón que habemos acudir tamén ás praias, ás bocas das rías e ata aos portos, xa que poden proporcionarnos excelentes observacións.
  • As gaivotas. Alguén pensou algunha vez que as gaivotas son aburridas ou parecen todas iguais? Pois nada que ver coa realidade. Nun só día podemos ver máis de media ducia de especies e para facelo non hai como deterse a observar con atención cada grupo que atopemos.
  • Os boletíns meteorolóxicos anuncian frío en boa parte de Europa? É o momento idóneo para saír a ver aves en Galicia! Tanto no litoral coma nas chairas do interior.
Arriba