As primeiras aves que chegan do frío

Outubro

Podería parecer que, a medida que se acurtan os días e as chuvias son máis frecuentes, toca arriar as velas ornitolóxicas, pero non é así. Outubro inaugura unha nova tempada, pois están chegando moitas das aves que han pasar o inverno connosco, acompañadas por non poucas das aves migratorias. 

Outubro é un mes de contrastes: a chuvia e o frío poden ir seguidos de días de luz e temperaturas cálidas

 É unha época na que algunhas aves do norte se desprazan máis cara ao sur para pasar o inverno connosco, mentres que outras continúan o seu periplo cara a latitudes aínda máis meridionais. Como acostuman, a zonas húmidas son os espazos de maior concentración de especies pois entre as aves acuáticas hai moitas que son migratorias.

As do litoral hannos permitir realizar observacións de grande interese. Non debemos deixar de visitar A Guarda, O Grove, a lagoa de Xarfas e a marisma da Berberecheira, en Louro e Carnota respectivamente, o esteiro do río Anllóns na Costa da Morte, Baldaio, a Ría do Burgo, a Lagoa de Valdoviño en Ferrolterra, a Ría de Ortigueira e as de Ribadeo e Foz. Ás numerosas limícolas, como os pilros comúns, as píllaras reais, as píldoras cincentas, os mazaricos rabinegros ou os reais, únenselles outras acuáticas como garzas reais e garzotas pequenas ou corvos mariños grandes.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Pilro tridáctilo (Calidris alba)
Gaivina negra (Chlidonias niger)
Gaivota escura (Larus fuscus)
Mascato (do Atlántico) (Morus bassanus)

Unha das especies que máis chama a atención das que podemos observar neste mes nas zonas húmidas de costa, e especialmente no Grove, é o fermoso cullereiro común. A grande concentración de individuos desta especie fai deste espazo un dos puntos de referencia en Europa para a estadía invernal e a migración. Pero aínda hai máis sorpresas agradables: é agora cando moitas aguias pescadoras procedentes do norte de Europa viaxan libremente a través do Atlántico e o Cantábrico ata acadar o continente xusto na costa galega. Deberemos estar atentos en todo momento á aparición destas magníficas aves. Ademais dos lugares xa citados, o fondo da Ría de Muros e Noia, a de Ares e Betanzos e a de Vigo son especialmente recomendables.

Sen movernos do litoral, un bo plan é acudir ás praias máis bravas que, desde este mes e ao longo de todo o inverno

Sen movernos do litoral, un bo plan é acudir ás praias máis bravas que, desde este mes e ao longo de todo o inverno, locen máis salvaxes, indómitas e solitarias, polo que moitas limícolas aproveitan este momento para descansar e alimentarse nas súas longas travesías ao longo das costas atlánticas. O pilro tridáctilo, dun branco inmaculado, é unha das especies máis características deste mes.

Como nos meses precedentes, os cabos son un bo punto para presenciar o paso de aves mariñas en migración

 Algunhas das especies que podemos observar desde eles están presentes durante todos os meses de migración, de xeito máis ou menos constante, pero outras migran nun mes ou data concreta. Outubro é o mellor mes para avistar, por exemplo, o pentumeiro común, un escuro pato mariño que se despraza a pouca altura sobre as ondas. Estaca de Bares volve ser o lugar de referencia.

É frecuente que cos primeiros fríos do mes empecen a verse especies que han pasar con nós o inverno; é o caso dos tordos rubios e os reais. Bos sitios para buscalos son A Terra Chá, A Limia, as comarcas de Lugo e Sarria, etc.

Tamén chegan os primeiros estorniños pintos, que se unen en grandes durmidoiros aos estorniños negros locais para pasar as noites despois de alimentarse nas campiñas de preto. Podemos observalos en calquera cidade ao atardecer.

Non podes perder

Out
Arriba