As primeiras especies migratorias procedente de África xa están chegando para criar onda nós. É o momento de saír ao campo e descubrilas. 

Cos primeiros días solleiros de marzo, a maior parte das aves inician as súas paradas nupciais

Cos primeiros días solleiros de marzo, a maior parte das aves inician as súas paradas nupciais, é dicir, o cortexo. O canto é a mellor das armas que utilizan os paxaros para iso. Cantan por todas as partes. Por iso é o momento ideal para escoitalos, gozalos e aprender, pois como ás árbores autóctonas aínda non lles agromaron as follas, é moi doado ver e asemade escoitar multitude de especies en practicamente calquera fraga ou campiña.

Para isto nada mellor que acudir aos bosques dos Ancares e Montes de Cervantes, aos do Courel ou ás Fragas do Eume, por exemplo. Nun espazo reducido e en poucos minutos poderemos detectar doadamente diferentes especies como o ferreiriño real, ferreiriño azul e o ferreiriño rabilongo, gabeadores comúns, paporrubios ou pimpíns. Tamén é un bo mes para atopar, nas zonas máis frescas de bosques e chairas, o sempre espectacular cardeal común

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Gatafornela (Circus cyaneus)
Andoriña (Hirundo rustica)
Gaivota patiamarela (Larus michahellis)

Nas áreas abertas á beira do mar, en dunas, pero tamén en zonas de montaña, poderemos escoitar o canto das lavercas que voan sobre nós. A Costa da Morte ou o Parque Natural de Corrubedo, así como a Serra do Suído, Calvos de Randín e Baltar ou a Serra do Candán e Brañas de Xestoso son algúns exemplos de lugares aos que podemos acudir para asistir a este espectáculo.

Desde finais de febreiro, pero sobre todo en marzo, chegan a Galicia as primeiras aves migratorias que pasaron o inverno en África

A medida que vai avanzando o mes, a andoriña é cada vez máis abundante nas áreas de chairas fértiles. Nos grandes vales e canóns fluviais como os Canóns do Sil ou a Ribeira Sacra Norte, así como A Limia ou A Terra Chá xa podemos ver millafres negros espreitando o terreo na procura de comida. Nas zonas húmidas e nos prados litorais localizaremos con facilidade lavandeiras amarelas. E, xa no último tramo do mes, as primeiras tartarañas cincentas hanse deixar ver de novo nos nosos campos e nas zonas de matogueira. A Limia, Calvos de Randín e Baltar, Terra das Frieiras ou A Terra Chá son lugares aconsellables para acudir a velos. Tamén cantan os primeiros cucos polos campos.

Aves migratorias

E non podían faltar as aves migratorias que, aínda que só sexa por uns días, pasan pola nosa comunidade. Un exemplo é o pedreiro cincento, que imos poder ver tanto nas zonas de montaña coma nas áreas costeiras.

Tamén este mes e o seguinte, cun pouco de sorte, poderemos observar nas zona húmidas interiores como as da Terra Chá ou no encoro de Abegondo-Cecebre a cerceta albela, un anátido.  En calquera punto do litoral ou incluso no interior imos poder observar grandes grupos de gaivota escura dirixíndose ao norte. Nas grandes zonas húmidas da costa –dependendo do vento, mellor se sopra do norte ou do noroeste– pódense reunir por unhas horas grandes concentracións de limícolas de viaxe cara ao afastado norte. A Guarda, O Grove, a lagoa de Valdoviño en Ferrolterra ou a Ría de Ortigueira son algúns dos mellores sitios para velas.

Non podes perder

Mar
Arriba