As aves acuáticas invernantes tamén comezan a asentarse nas zonas húmidas interiores
No intervalo duns poucos días, na lagoa de Cospeito e noutras zonas húmidas da Terra Chá podemos comprobar como se incrementan as cifras de patos e en especial de cercetas comúns. Outro bo punto de observación que non debemos desprezar son os encoros de Abegondo-Cecebre, da Fervenza e Baíñas e Vilagudín e Vilasenín.
O paso de aves mariñas en migración fronte aos cabos aínda é moi importante
De novo, Estaca de Bares, a punta do Roncudo na Costa da Morte e o Cabo Silleiro bríndannos excelentes oportunidades para observar centos de mascatos, pardelas encapuchadas, palleiras grandes, pentumeiros, carráns comúns e árticos, gaivotas tridáctilas, carolos e araos.
Tamén na costa imos ter a oportunidade de atopar aves terrestres menos frecuentes acabadas de chegar a Galicia, como a escribenta das neves e o esmerillón, unha diminuta ave rapaz con querenza polos espazos abertos. Cómpre estarmos atentos ás dunas, ás praias e ás áreas despexadas no litoral. Hai tramos da Costa da Morte, como o que vai do cabo Vilán á lagoa de Traba, que nunca decepcionan.
Certas especies, aínda sendo menos frecuentes, parece que incrementan a súa presenza neste mes respecto aos últimos anos
Un exemplo é o picafollas bilistado. Habemos atopar esta ave nunha gran variedade de lugares, pero a contorna da praia de Mar de Fóra, nas proximidades de Fisterra, en plena Costa da Morte, é o mellor.
No interior, a opción preferente para este mes é acudir ás áreas de campiña en busca de tordos reais, rubios e comúns, así como de pimpíns do norte. Na contorna dos ríos, nos bosques de ribeira poderemos atopar tamén os primeiros grupos de úbalos.