Últimos poliños, primeiros migradores

Xullo

Durante este cálido mes a natureza atópase en plena transición: algunhas aves aínda están culminando a nidificación, mentres outras xa remataron e empezan a migrar. Así recibimos novas especies desde as súas áreas de reprodución, outras xa nos abandonan e, ao mesmo tempo, outras realizan interesantes movementos posreprodutivos que as levan a concentrarse en determinadas áreas. Xullo está cheo de oportunidades para todos. 

As tartarañas cincentas aínda están acabando co proceso de reprodución e é neste mes cando os poliños ensaian os seus primeiros voos na contorna dos niños. Imos poder observalos con maior facilidade nas Brañas do Xestoso, Calvos de Randín e Baltar, A Limia e A Terra Chá.

Pero, se queremos ver aves rapaces en concentracións rechamantes, o máis efectivo é acudir ás principais áreas montañosas. Despois de nidificar, moitas destas especies dispérsanse na busca de fontes de alimentación e unha delas está nas zonas altas das montañas, que neste mes atópanse repletas de insectos, pequenos paxariños, roedores, etc. En áreas do Macizo Central, como os arredores da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, poderemos emprender un percorrido pola pista que atravesa este sistema montañoso e ver con facilidade o lagarteiro vulgar, a aguia cobreira, a tartaraña cincenta, a gatafornela e, cun pouco de sorte, tamén o voitre leonado. Esta especie en concreto déixase ver con relativa facilidade a partir deste mes e ata ben entrado o inverno nos sistemas montañosos nos que hai presenza de gando ceibo: Macizo Central, Serra do Xurés, Pena Trevinca e Serra do Eixe, Serra do Xistral, Serra dos Ancares e Montes de Cervantes, etc. Nos días calorosos e despexados é recomendable acudir ás partes máis altas, onde poderemos ver, con algo máis de sorte, algún voitre negro no medio dos voitres leonados.

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.
Aguia cobreira (Circaetus gallicus)
Tartaraña cincenta (Circus pygargus)
Picanzo vermello (Lanius collurio)
Abellaruco (Merops apiaster)
Sen saír das áreas montañosas, un paseo polos bosques, e incluso pola contorna das pequenas aldeas, permítenos detectar un gran número de pequenas aves

Algunhas delas son moi interesantes, como o peto formigueiro ou o rabirrubio de testa branca nas montañas de Ourense. É tamén durante este mes e mais o próximo cando as andoriñas comúns e as de cu branco empezan a verse en gran número, pois conviven no mesmo espazo temporal os exemplares novos nacidos nesta tempada cos adultos que aínda se afanan en sacar adiante máis niñadas.

Agora ben, xullo é un mes de praia para boa parte da poboación e, próximos aos areais, aínda aos máis concorridos, habemos poder encontrar unha gran variedade de especies

Non é estraño que os carrán cristados se acheguen e pesquen a pouca distancia dos bañistas, alleos, normalmente, a este espectáculo. Pero é nestas zonas húmidas de costa onde poderemos empezar xa a observar moitas aves que, procedentes do norte, empezan a migrar cara ao sur, anticipando desta maneira un inverno que aínda ha tardar meses en chegar.  En xullo, por exemplo, as gaivotas choronas e as cabecinegras xa se están instalando de novo aquí, despois de criar no norte. Podemos atopar tamén multitude de limícolas, garzas reais, garzotas pequenas, etc. Os espazos ideais neste mes son sempre as mellores zonas húmidas costeiras, como as do Grove, particularmente a enseada do Vao, as rías de Ribadeo e Foz, a de Ortigueira, a urbana Ría do Burgo, a ría de Ponteceso na Costa da Morte, A Ramallosa en Baiona e o cabo Silleiro ou o esteiro do Miño na Guarda

Tamén é un bo momento para se achegar a diferentes cabos do litoral galego, polos que pouco a pouco se van deixando ver numerosas aves mariñas no seu paso migratorio cara ao sur. O número e a variedade das especies non é tan rechamante coma nos meses seguintes, pero aínda así imos poder ver mascato do atlántico, carráns cristados, algunha pardela cincenta do Atlántico e furabuchos das baleares que, procedentes do Mediterráneo, alcanzan as costas galegas para pasar nelas unha boa tempada. O mellor punto de observación é Estaca de Bares, aínda que tamén podemos acudir á punta do Castro, na Mariña Lucense; aos cabos Vilán, Touriñán e o Roncudo, na Costa da Morte; ao cabo de Corrubedo, no Parque Natural homónimo, ou ao cabo Silleiro.

Non podes perder

Xul
  • O Macizo Central está nun dos seus mellores momentos. Desde A Pobra de Trives podes achegarte á estación de inverno de Cabeza de Manzaneda e desde alí continuar pola pista que prosegue en dirección sur. Has observar aves rapaces de diferentes especies e en bo número. Igualmente podes acudir ás partes máis altas da Serra dos Ancares e Montes de Cervantes ou á Serra do Eixe.
  • Tamén se pode ir de excursión á Serra do Xistral e a outras elevacións próximas. Nos piñeirais seguiremos atopando verderóns serranos, esta vez en grupos, e nas zonas máis altas voitres leonados e aves de montaña como a pica alpina.
  • É o momento de acudir aos cabos para observar o paso das aves mariñas. Se imos a Estaca de Bares, a opción máis interesante, o lugar clave é o exterior do observatorio de aves, un balcón privilexiado para observar o paso migratorio. Outro cabo calquera pode dar grandes satisfaccións con aves mariñas: a punta do Roncudo ou o cabo Touriñán na Costa da Morte, Cabo Silleiro, etc.
  • Non debemos deixar de acudir ás grandes zonas húmidas do litoral: desde o mar Cantábrico, coas rías de Ribadeo e Foz, ata o esteiro do Miño, no límite con Portugal, habemos atopar unha ringleira de espazos nos que ver aves acuáticas de multitude de especies. Especialmente atractivas son a Ría de Ortigueira, a do Burgo, a de Ponteceso na A Costa da Morte ou a enseada do Vao no Grove.
  • A contorna das pequenas aldeas do interior, particularmente se teñen soutos, como ocorre en moitas do Macizo Central ou no Courel, adoitan acoller multitude de pequenas aves. Facilmente as habemos ver en sinxelos paseos polos seus arredores.
Arriba